Friday 26 de April de 2024

Cristina Pichel visita ás persoas que participan no Xuventude Activa Lousame e Voluntariado Sénior Lousame 2021


A directora xeral de Xuventude anima á mocidade e maiores do rural a implicarse na dinamización dos seus concellos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, animou hoxe a todos os mozos e maiores do rural a implicarse activamente na dinamización dos seus concellos. Así o fixo nun encontro coas persoas que participan nos proxectos do voluntariado xuvenil e sénior que se están levando a cabo no en Lousame, Xuventude Activa Lousame 2020 e Voluntariado Sénior Lousame 2021.

A directora xeral estivo acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Xuventude e Igualdade, Silvia Agrafojo; o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral. Pichel asegurou que “tiña gaña de coñecer un ano máis os proxectos de Lousame porque sempre son dunha calidade inmellorable. E como se coñecen os proxectos é coñecendo ás persoas que participan. Hoxe quero escoitarvos, ver o que fixestes e ver tamén no que podemos mellorar e no que vos podemos seguir axudando”.

Neste sentido, a directora xeral agradeceu aos presentes que “co voso tempo estades axudando de forma altruísta á vosa contorna. Creo que non hai nada máis gratificante: ser dun sitio e implicarse con ese sitio e axudar aos veciños porque, sen a vosa axuda, estes proxectos dificilmente poderían ir adiante”. Finalmente, Cristina Pichel agradeceu o labor do voluntariado sénior, “xente que tendes un coñecemento e unhas experiencias persoais inigualables. E fai falla que todo o que sabedes contribúa en beneficio da sociedade. Pero tamén agradezo a participación da mocidade, pois é raro atopar a persoas tan implicadas no voluntariado á vosa idade”.

Colaboración interxeracional

Un punto no que incidiu Teresa Villaverde, quen apuntou que “a relación interxeracional é importantísima porque antes si que se intercambiaban saber. Se queremos saber quen somos, temos que saber de onde vimos. E a relación entre maiores e mozos é moi enriquecedora”. Neste sentido, agradeceu á mocidade que “ese tempo que poidades estar facendo deporte ou descansando na casa esteades facendo algo polo voso pobo. Vós contribuídes a facer unha sociedade moito mellor sendo moi xenerosos”. Finalmente, lembrou que o Concello de Lousame está a súa disposición para facilitarlles o seu labor e que “se precisades ou vedes de interese algún curso ou obradoiro, comentádeo que faremos o posible para poñelo en marcha”.
Intervencións das persoas asistentes

Tal e como pediu a directora xeral, o encontro foi unha posta en común de experiencias dos participantes nos programas Xuventude Activa Lousame 2021 (8 en total, 7 presentes) e Voluntariado Sénior Lousame 2021 (7 en total, 6 presentes), así como ás dúas participantes no programa de Voluntariado Europeo, Ebru Karaca e Dilara Güven, que nos próximos días rematan o seu labor no municipio.

Entre a mocidade, Ángel asegurou que empezou co voluntariado porque “o Concello foi a axudar á casa nuns tempos malos e penso que é lóxico axudar a quen nos axudou. Pero tamén é botar unha man nas actividades de Lousame e a min enriqueceume moito”. Pola súa banda, Marta recoñeceu que “o noso grupo de amigas está agora estudando fóra de Lousame e o voluntariado foi tamén unha forma de coincidir todas xuntas”.

Entre as persoas maiores, Marisa asegurou que está vivindo “a mellor época da miña vida. Atendo á miña casa, teño tempo e encóntrome feliz podendo axudar. Ademais, así estou activa porque a xente maior necesita que os escoites e agradecen moito o que facemos”. Un punto no que coincidiu Paco, quen animou á xente maior de Lousame “a facerse voluntaria e axudar así a que haxa actividades porque, por exemplo, a Casa da Cultura ten sempre actividade todas as fins de semana”.

Finalmente, Cristina Pichel agradeceu a todos os voluntarios de Galicia o traballo que están a realizar para resposta ás necesidades sociais deste entorno rural, tanto para os máis novos como para os maiores, e lembrou que a Xunta de Galicia destina máis de 6.000 euros para levar a cabo ambos proxectos. Así mesmo, a directora xeral puxo en valor a posta en marcha de actividades que traballan na mellora da calidade de vida das persoas que viven no rural, ao tempo que potencian o voluntariado e as actividades sociais e culturais tanto para a xente nova como para as persoas maiores.

Actividades realizadas nos programas

No caso do voluntariado xuvenil, o obxectivo do proxecto é lograr unha cidadanía participativa, responsable e solidaria, que colabore na detección e solucións ás necesidades sociais do Lousame. No proxecto Xuventude Activa Lousame 2021 inclúense catro espazos solidarios onde as persoas voluntarias poden desenvolver a súa labor colaborando en actividades relacionadas coa promoción do voluntariado, sensibilización sobre a COVID-19. Así como tamén en actividades de lectura nas que ademais se fomenta o emprego da lingua galega. A xuventude gracias a esta proposta tamén pode axudar nos Centros de Día, no club de xubilados ou no Punto de Atención Temperá.

Por outra banda, o Voluntariado Sénior Lousame 2021 no que participan persoas maiores de 55 anos, traballa no fomento da participación altruísta de persoas maiores en diferentes actividades para favorecer un envellecemento activo da poboación, como a de sensibilización sobre a violencia de xénero, apoio nas actividades do programa de dinamización de persoas maiores no Centro de Día, nos talleres de memoria, no Servicio de Axuda no Fogar ou en actividades de acompañamento a persoas maiores.